Traductor

Quempallou

Material da sua paxina Web
O grupo de folc Quempallou nace aló por Abril do 1.999, froito en boa medida da coincidencia na Escola de Maxisterio de Pontevedra de dous dos seus integrantes. Deste xeito, pásase a incluí-lo acordeón nun cuarteto tradicional afincado en Bueu, xunto con outros dous compoñentes (David Magdaleno e Guillermo Lamosa), que algo máis tarde habían ser reemprazados por outros dous compañeiros, ao bombo e buzuki. A partires de aí xurde un tremendo entusiasmo pola nova formación, que os leva a traballar arreo con moita ilusión compoñendo, arranxando e recollendo os temas do seu repertorio. Guillermo Lamosa reincorpórase no 2001 ao grupo coa guitarra acústica e xa no 2002 entra o gaiteiro coruñés Xulio Coira en substitución do buenense Mui Novas.


Logo de grava-la súa primeira maqueta no Outono do 2000 en Vigo, resultan escollidos como finalistas para o II Concurso de Grupos Folc Noveis Radio Obradoiro que se celebrou no Auditorio de Galicia en Xaneiro do 2001, contando cun prestixioso xurado que lle deu a Quempallou a indiscutible victoria. Gracias a ela, gravan nos estudios Phonos da Estrada o seu primeiro disco, que logo de ser remasterizado nos estudios Desphase Sound de Ourense, foi editado en Maio do 2002 por Zouma records.
Pincha
Amais do mencionado premio, participan tamén como finalistas no II Concursu de Música Folk Cuartu los Val.l.es celebrado en Tinéu (Asturies) en Xullo do 2001; e, competindo contra grupos de todo o estado español así coma portugueses, acadan o 2º premio en empate co vencedor. Ese mesmo ano, percorren Portugal dende o Norte ata o mesmísimo Algarve pasando por cidades coma Setúbal, Loulé, etc. (I Xuntança de Gaiteiros de Pinhal Novo; II Festival de Música Tradicional de Macedo de Cavaleiros...).
Estes feitos fan que vaia medrando a súa sona, e son reclamados para tocar en importantes festivais tanto a nivel galego (2ª e 3ª Festa Folc de Vilariño -O Hío-; 23º Festival de Pardiñas, 6ª Foliada de Lalín...) coma en Asturies, País Llionés ou Castilla la Mancha (6º Festival Intercélticu d'Avilés; Festivais folk de Vil.l.ablino ou Sigüenza).

Alén diso, o seu primeiro disco acada unha consiberábel repercusión nos medios de comunicación galegos, así coma emisoras especializadas a nivel estatal e incluso internacional, coma a emisora de Músicas do Mundo W.R.A.S. de Atlanta (EE.UU.), quen lle outorgou ao tema Moreniña o número un na súa lista de emisión durante dúas semanas consecutivas en Novembro do 2002.

Pincha pa escoitarlos
No verán do 2004, Quempallou presentou o seu segundo traballo discográfico, "Estremonías". Un disco gravado e argallado con moita máis calma, no que destacan as composicións propias baseadas en estructuras tradicionais; algunha que outra saída do seu estilo base; e sobre todo unhas letras que falan das cousas do mundo no que nos tocou vivir, que convidan a face-la festa sen nos esquecer do bo e máis do malo de tódolos días visto dende a perspectiva do propio grupo. Con el recorreron de novo Galiza de Norte a Sul e de Leste a Oeste cun importante éxito, destacando festivais da envergadura dos de Pardiñas ou o mesmísimo de Ortigueira, festival éste que pecharon actuando mesmo despois do mítico grupo irlandés The Chieftains. Por outra banda, un corte deste disco, "Xan", foi escollido mellor tema galego do ano 2004 nun inquérito realizado polo semanario A Nosa Terra entre representantes deste sector.

Son estes tamén anos de trocos na formación, quedando esta estable xusto logo de editar este seu segundo disco, coa incorporación do marinense Xulio Abal ás cordas.

Pincha pa escoitalo
No 2007, Quempallou confirma a estabilidade da súa traxectoria co seu terceiro traballo. Leva un nome ben axeitado, "Polo aire", pois é así como están estes sete músicos en cada un dos seus concertos, cargados de alegría e paixón, e como queren que estea tamén o público que os segue. Ademais, este título quere facer referencia á radio, xa que serve esta como fío condutor do disco en si, tanto no deseño coma en parte do contido. Nótase nel unha importante madurez musical, tomando as cordas grande importancia como base; e as composicións propias, sen perder a base tradicional nin a importancia da palabra, pasan a ser a tónica dominante.
Pincha pa escoitalo
Un estrano aniversario, o dos once anos sobre os escenarios, serve para editar en 2011 unha recompilación co mellor da súa discografía. Cinco cortes de cada un dos seus discos que fan que quen escoite "Once anos mallando" se poida facer unha boa idea do espírito e a evolución do grupo.
Pincha
Xa no ano 2012 presentan o seu novo e agardado traballo discográfico “Vellas Novas”, que cunha estética baseada no mundo do xornalismo, contén composicións propias e tradicionais ao máis xenuino estilo de Quempallou. Coas baixas na formación de Xulio Abal e Xulio Coira, grávase este “Vellas Novas”, un traballo cargado de matices sonoros e cunha gran dose de influencias musicais, que chegan dende a experiencia dun grupo que leva máis de doce anos en escena. Como é habitual en Quempallou, o disco asenta unha fonda raíz na tradición musical galega, a partir da cal, constrúe arranxos, adapta letras e crea novas composicións. Así conseguen unha sonoridade característica, apoiada nas percusións tradicionais, o acordeón e as cordas, sobre o que camiñan frautas, gaitas, e sobre todo a voz.
Ao longo do 2016 están a presentar o súa nova produción dun xeito innovador e diferente, aproveitando os novos recursos que ofrece a rede para achegarse ao público dun xeito máis directo e interactivo, anticipando nas diversas plataformas dixitais as novas cancións que compoñerán o seu quinto disco. Serán un total de catro entregas, e precisamente de aí vén o nome do novo proxecto: Quarteirón. Aínda que o grupo aposta por unha nova maneira de ofrecer a súa música, non pensan en abandonar o formato tradicional de disco, e editarán o traballo en formato físico unha vez estean rematadas as catro entregas dixitais.


Pincha
Pincha










Nesta nova entrega participa tamén a nova fichaxe do grupo, o gaiteiro e clarinetista vigués Rubén Troitiño, recén chegado ao grupo logo da marcha, por motivos persoais, de Xosé Maceda, histórico percusionista de Quempallou.

COMPOÑENTES
Roi Maceda
Acordeón
Guillerme Ignacio
Gaitas, frautas e voz
Isaac Millán
Bouzouki e guitarra
Roi Adrio
Percusións
Rubén Troitiño
Gaitas e clarinete

Alfonso Agulla “Eski”Son ao vivo

Comentarios

Entradas populares

Vistas de página en total