Traductor

Os Bolechas van ás Olimpíadas en Viana


Sábado 18 de xuño ás 19:30 Os Bolechas nos visitaran na casa da Cultura en Viana



Un ano máis a divertida familia Bolechas, referente galegofalante para os nenos e nenas de Galicia, estará presente no programa de dinamización lingüística FalaRedes, organizado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística en colaboración coas entidades que forman parte da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia.
Co título 'Os Bolechas van ás Olimpíadas', esta actividade de dinamización lingüística percorrerá ata finais do mes de xullo un feixe de concellos, ofrecendo un espectáculo ameno e participativo. Carlos, as xemelgas Loli e Pili, Braulio, Sonia e o pequeno Tatá, xunto ao seu incondicional can Chispa, farán que nenas e nenos se sintan cómplices e co-protagonistas das súas aventuras.
Nesta ocasión, os seis famosos irmáns requirirán a axuda dos rapaces e rapazas asistentes para superaren unha serie de probas e deste xeito venceren o seu antagonista Romualdo. Se, co apoio do público, conseguen superar os desafíos, terán garantido o seu pase para as Olimpíadas de Río 2016. Deste xeito, a actividade combina o compoñente lúdico e didáctico, cun obxectivo principal de dinamización lingüística e unha aposta polo coñecemento en materias de historia, deporte ou etnografía, así como tamén de fomento de hábitos saudables.
Ademais, a participación promovida por esta actividade non se limita ao día do espectáculo, pois 'Os Bolechas van ás Olimpíadas' ten continuidade a través das novas tecnoloxías, no web www.osbolechas.gal/olimpiadas.

Coma sempre no FalaRedes, a entrada á actividade é libre e de balde ata completar a capacidade das salas. Toda a información sobre a nova edición xa está dispoñible no Portal da Lingua Galega (www.lingua.gal) e tamén nas redes sociais do programa. 

Comentarios

Entradas populares

Vistas de página en total