Traductor

Xoan de Xoanes

Xa hai moito tempo había un vello crego nunha parroquia , máis coñecido pola súa tacañería que polas virtudes cristiás.

Era pola Coresma, e a caixa de caudais da rectoral estaba ateigada de cartos procedentes do cobro das bulas, que algunhas familias podentes pagaran para eludir a prohibición de comer carne.

Chegou un día en que o cura, a pesar da obsesión que tiña por contar os cartos todas as noites antes de deitarse, coidando que o diñeiro non estaba demasiado seguro na casa, resolveu que conviría levalo o antes posíbel para Compostela. O sancristán da parroquia, Bieito do Folgar, alertou ao señor cura da presencia na zona de Vea dun grupo de bandoleiros liderados por un sonado bandido asturiano coñecido como O Fabián. A pesar da insistencia de Bieito de levar o diñeiro nun coche de cabalos, o crego xulgou máis discreto e económico que un pequeno grupo de veciños os levasen a pé aquela mesma noite.
Seis homes saíron a iso da media noite. O que levaba o fardo era un tal Xan García, un home honrado e cabal, moi respectado en toda a bisbarra.

Despois dun bo percorrido, cando xa estaban chegando a un cruzamento, viron achegarse ao lonxe a dous homes de hábito, e pensaron que serían romeiros de regreso á súa terra. Cando chegaron a onda eles, o máis vello, un home de barba branca e un pouco rubio de cara, faloulles deste xeito:

—Boas noites, meus señores, desculpen que os interrompa pro ¿importaríalles dicirme a onde se dirixen nunha noitiña tan fresca?

—Por suposto que non, imos a Santiago por encarga do noso abade, a levar o diñeiro das bulas —respondeu Xan confiadamente.

-Home, pois precisamente eu son Carlos Bernal, coengo do Bispado de Santiago, e este home que me acompaña é persoa de confianza da nosa institución. O propio bispo mandou que viñesemos ao seu encontro e que nós mesmos levasemos, como é costume, eses cartiños tan necesarios para a causa cristiá.

Ao escoitar Xan ao bondadoso vello non dubidou un instante.

—Tomen, pois, señores os cartos que a mellor recaudo estarán nas súas mans, e ademais así aforraremos un bo treito de camiño. Mais supoño que me darán vostedes algún recibo, pois o noso crego é home moi severo para estas cousas das contas.


Non faltaría máis —dixo o tal Bernal— Por certo, ¿sabe algún de vostedes ler?

—Non, señor.

—Cada ves millor... ¿E como se chama vostede? —dixo Bernal collendo un papel e facendo nel unha anotación.

—Chámome Xan García. Son home de moita sona na miña terra, como tamén o foi meu pai e máis o meu avó, que tamén levaban o mesmo nome. Saiba que aló en Troáns pode contar comigo para todo aquilo que precise...

Xan colleu a nota e regresou camiño a parroquia coa satisfacción do deber cumprido. Ao chegar á rectoral e contarllo todo ao abade este, encarnado de ira, púxose a berrar como se toleara.

—¿Que fixeches, papán? ¡Se eu non tiña avisado a ninguén en Santiago de que iades aló! ¡Déixame acá ese recibo!

O crego caeu ao chan esvaecido cando leu o papel, que dicía: Juan de Juanes, de la parroquia de Troanes, dio el dinero de las bulas a dos malandranes.


                                  

Comentarios

Entradas populares

Vistas de página en total