Traductor

O Reparto das Troitas

Eran dous curmáns, Heladio e Emilio, que a pesar de que eran moi distintos e de que sempre andaban a rifar, estaban sempre xuntos como se fosen uña e carne. O Heladio era o máis vello dos dous e, aínda que non era ben listo, tiña habilidades innatas para a arte da pesca.
Foi o caso que un día Emilio propúxolle ao seu parente ir botar unhas canadas ao Comeixe, e acordaron repartir a pesca a partes iguais ao final da xornada. Tal como era de esperar Heladio colleu moitas máis pezas. Pero un trato é un trato. Para facer o reparto apuntouse axiña Emilio, que fora un par de anos á escola e sabía algo de números.
Unha pra min, outra pra ti, outra pra min...

—Contaba o máis novo en voz alta.

—Unha pra min, outra pra ti, outra pra min; unha pra min, outra pra ti, outra pra min; unha pra min, outra pra ti, outra pra min...

E así ata repartir coa súa peculiar picardía un total de cincuenta e oito peixes. Ao rematar, mirando Heladio para un e outro monte de troitas, e quedando pampo ao ver que a parte do seu curmán era ao menos o dobre da súa, dixo abraiado:

—¡Manda carallo, Milio!, se non chas vise contar pensaba que me enghañabas
.

                 

Comentarios

Entradas populares

Vistas de página en total