Traductor

Petróglifos na comarca do Tamega

Como se comentara na anterior publicación, tiña que haber máis petróglifos de arte atlántica, unha obra tan fermosa non podía estar soa. E aquí está a segunda marabilla (e xa hai unha terceira, máis humilde), moi cerca da anterior. Esta vez acompañado por Natureza Galaico Universal e O Pedreiro Artesán, que desfrutaron tanto coma min de ver que entre a miseria da cinsa aparece o tesouro prehistórico.

De feito, estaba anubado e non o vin ata que saíu o sol sorprendéndonos co petróglifo. Outra vez fixen un debuxo a man alzada e saíu un tema ben parecido ao primeiro atopado. Pouco a pouco a comarca do Támega vai amosando que somos unha terra coa pegada mediterránea (a estela de guerreiro de Castrelo, as dúas de Castelóes e a de Vilar de Perdizes) e tamén a pegada do atlántico con estes dous (tres xa) petróglifos. 
O mesmo que dixen a semana pasada, este é un tesouro en forma de pedra que nos enriquece: coidádeo!!

E como non hai dous sen tres, aquí vos deixo unha foto e un debuxo do terceiro petróglifo con características de arte atlántica. Hai dúas semanas que ardeu todaesta zona, e o que resulta dunha análise superficial sobre o terreo son unhas expectativas excepcionais para a comarca do Támega...

Ademais deses tres petróglifos, apareceron tres máis, só de coviñas, un esteo removido polas repoboacións salvaxes, dous mámoas non catalogadas que o son con seguridade, outras dúas con moitas dúbidas, e unha posible pedrafita...
Por outro lado, é moi lamentable que estas cousas teñan que aparecer porque pasou por alí o inferno do lume. A paisaxe ao redor, cos restos de fume residual, o cheiro a cinsa, o silencio das aves..., é como Mordor, un lugar desolado e morto... De feito hai moitas pedras danadas pola temperatura e xa desconchándose. Considero que estes petróglifos son unha oportunidade para esta terra, pois dándolles o valor que lles corresponde vai vir moita xente a velos, e eso é riqueza, social ou monetariamente, como o queirades ver.

(Por certo que o debuxo está colocado ao revés de onde está a foto... E teño que confesar que este foi o primeiro que atopei, e gardei información á espera dalgo máis)

Articulo de 
Vía XIV 

Comentarios

Entradas populares

Vistas de página en total