Noticia Curiosa
Una Oración polas fochancas “Dando Ideas”
Unha oración comunitaria contra as fochancas, unha pregaria pola súa reparación.
Así podería resumirse a intención do sacerdote Luís Rodríguez Patiño, que pasadomañá oficia unha misa xunto a unha estrada. Non é unha misa máis ao aire libre, como podería ocorrer dentro do programa de actividades dunhas festas populares, senón unha cerimonia conscientemente cargada de reivindicación.
O acto relixioso, que empeza á unha e media da tarde, organizouse na parroquia xermadina de Momán, xunto a unha estrada que enlaza o concello chairego de Xermade co das Pontes e cuxo estado, sobre todo na provincia de Lugo, é unha sucesión de fochancas, de curvas pronunciadas nunha calzada máis ben estreita e de firme sen pintar.
O sacerdote, que atende esta parroquia xunto cunha de Guitiriz(Labrada) e outras nos veciños municipios coruñeses de Aranga e de Monfero, decidiu dar ese paso para denunciar o mal estado da estrada, para lamentar as condicións que deben soportar os veciños deses municipios e para lanzar ademais unha chamada de atención: asegura que o abandono da vía, cuxa conservación corresponde ás respectivas deputacións provinciais, é unha mostra do descoido con que se trata á Galicia interior,: os seus habitantes, di, pagan impostos como os demais e a cambio «apenas reciben servizos».
Patiño é coñecido por puntos de vista que non poucas veces entran en aberta contradición cos que adoita expresar a xerarquía, aínda que, doutra banda, tampouco oculta unha aberta admiración polo actual papa. Neste caso, como noutros, sostén que a cerimonia será, en liña co que propugna a Igrexa, unha defensa da vida.
A misa oficiarase nun punto en que a estrada se cruza con outra do municipio de Xermade para facilitar o aparcadoiro dos que asistan. O párroco pediu aos veciños que acudan, e recibiu anuncios da presenza no acto dalgúns que non cumpren regularmente con ese precepto. El considera que a causa está máis que xustificada: «Quen non ten un coñecido que non sufrise secuelas dun accidente?».
A idea ocorréuselle hai semanas, nun festexo celebrado con veciños. Estar cos que soportan o inconveniente desta deteriorada estrada ou outros problemas parécelle unha consecuencia do seu cargo: «A Igrexa ten que estar ao lado dos que sofren», afirma.
Articulo da Voz de Galicia
Comentarios
Publicar un comentario
Deixe a súa opinión