A Zorra i o sardiñeiro
Un sardiñeiro levaba un burro cargado cunha caixa de sardiñas que arrecendían a frescas a máis dunha légoa. Chegou o cheiro á nariz dunha zorra e pensou como facería pra darse unha farta delas. Discurriu de facer o morto no camiño por onde iba de pasar o sardiñeiro; de modo que cando pasou e viu a raposa dixo:
–Ai, hom, que sorte che tuven hoxe! A pelica desta raposa ha de valer para aí uns cinco pesos.
E sin máis, engarroua polo rabo e botouna encima das sardiñas e seguiu o seu camiño botando contas das cousas que ía mercar cando vendese a pelica.
A raposa, en canto se viu sola, emprincipiou a botar sardiñas ó chau deica non deixar ningunha no caixón; estonces tamén se tirou ela. Buscou unha cesta, colleu as sardiñas todas e marchouse á sombra dun castiñeiro a comelas.
Disde que as comeu todas foise na busca do seu compadre lobo e díxolle:
–Hoxe levein unha fartura de trutas, que comín as que quixen.
–E ló, coma fixo pra collelas, comadre?
–Pois atei unha cesta ó rabo e metínme no riu, decindo: «Trutas á cesta e peixes ó rabo», i encheuse tanto que cuasi non a arromaba pra sacala.
–Pois esta noite vou –respondeu o lobo.
Aquela noite caía unha xeiada que metía medo, pro o lobo tiña tantas ganas das trutas que non se arredou polo friu que podía facer e foi onda a zorra pra que ll´atase a cesta ó rabo. Atoulla e dispoixas marchou cuel ó riu.
Foi o lobo e meteuse nunha poza ben fonda e iba decindo ó rovés do que lle dixera a raposa, pois el decía:
–Peixes á cesta e trutas ó rabo.
A zorra de vez en cando engarraba unha pedra e botáballa na cesta; i el decía:
–Ai, comadre, como pesa!
Afondou a cesta co peso das pedras i a raposa decíalle ó lobo que non tuvese presas, que canto máis tempo estuvera no riu máis se lle enchía a cesta.
A xeiada apertaba cada vez máis, de xeito que cando o lobo se percatou encarambelárase o riu e quedou preso polo rabo. Entonces chamou pola zorra, decíndolle:
–Ai, comadre, vaia buscar uis martelos pra romper os carambelos, pro vaia por lonxe dos palleiros que non a sintan os cadelos.
A zorra marchou a pedirlle os martelos a un canteiro que había no lugar, mais en vez de ir por lonxe dos palleiros, iba o máis cerca deles que podía.
O lobo ó ver por onde iba, berroulle desesperado:
–Por lonxe dos palleiros, señora comadre, por lonxe dos palleiros.
A raposa respondíalle:
–Que vaia por onde os palleiros? Xa vou! Xa vou!
E fixo de maneira que alborotou todos os cais do lugar, que botaron a fuxir detrás dela. I a condanada en lugar de ir por lonxe de onde estaba o lobo, colleu dereita el.
Cando o lobo viu que iba cara onda el aquel trupelo de cais, berráballe á zorra:
–Por alá, señora comadre, por alá –dándolle a entender que fose por lonxe.
Mais ela respondía:
–Por alá vou, por alá vou.
E foi pasando mesmo rente ó lobo. Os cais zampáronse todos nel, de modo que se viu tan apertado que derrizou arrancando o rabo.
Despois iba por unha costa arriba, decindo:
–Quen me matará! Quen me matará!
Estaba un home degallando un castiñeiro e cando o lobo pasou por baixo tiroulle co machado e deixouno redondo.
A Gudiña, Ourense. Luísa Carracedo. Prieto 1948: 140-142, «A zorra i-o sardiñeiro
Comentarios
Publicar un comentario
Deixe a súa opinión