Traductor

A Raposa que foi as trutas


Conto popular galego de tradición oral


A pícara raposa

raposa que foi ás trutas»
Fradelo-Viana do Bolo


Un labrador dunha das parroquias de Viana marchou unha mañá a quita-la auga dos prados da beira do río, co fin de telos dispostos no momento de bota-lo gado a pacer.

Tapou con terrois a presa cerca do auguadeiro, e as truitas que atravesaron o banzado cara ós prados quedaron envuleceando no seco. O home, cun ramallo de salgueira, fixo unha cambela e foi metendo nela todas as pezas.

Ca cambitada nunha mao e o rodo ó lombo, o home subía con aquela sornia polo camiño que facía rousos por entre unha mata de rebolas cando, de súpeto, diante dos nefres, atopou unha raposa morta. «Mira eí onde ta esta raposa morta; que estraño!», pescudaba o home ó atopala deitada e tesa.


Logo acercouse a ela e arreoulle unha boa patada nas costelas.

A vulpexa oleara a comida e, localizado sen perda de tempo de onde viña aquel ulido, deu cas truitas nas maos do labrego. Mailo aparente contratempo non a escorrentou do empeño; pola contra, a audacia e sagacidade puxéronse, como en tantas outras veces, ó servicio das artimañas do animal.

«Beh!, namais ca pelica dunha raposa pouco avío me fai», rombou pre si, e deixándoa, seguiu camiño adiante.

Doéndose da golpellada, a raposa irguiuse como pudo e, des que
comprobou que o labrego desaparecera, partiu mata arriba ca intención de atallalo. E nunha revolta do camiño localizou o home, tan difunta como a d´antes, outra raposa ben enzafranada no polvo. Como fixera antes, cunha boa patada asegurouse de que non se movía, anque ela soportou tranquilamente a nova golpellada, decidida a quedarse ca cambitada. «Pois mira –falou pre si–, cas dúas, des que esfoladas e os pelexos curtidos, xa podo facer unhas boas mulidas prás vacas». Co este pensamento deixou a ferramenta e truitas xunto á garnela e desandou o camiño pre buscar a outra raposa, pero no seu lugar non atopou outra cousa cá mallada.

A maniobra acabara ben prá raposa. Pois cando, á volta, o labrego descubriu o engaño, xa era tarde de máis.

REFRÁN
«A raposa perde as forzas e non as mañas».

Deste mesmo conto cóntase en moitas partes de Ourense.
«A raposa e as sardiñas» [Lubián-ZA].
«A raposa e ou sardiñeiro» [Pentes-A Gudiña, OU].
«A raposa e ou lobo» [Calvos de Randín, OU].
«A raposa finxida» [Ermisende, ZA].

Comentarios

Entradas populares

Vistas de página en total